9 de junio de 2025

XXXI Xuntanza de Peñas barcelonistas galegas

 Boiro tinguiuse de blaugrana… e nós alí estivemos!

O pasado domingo 8 de xuño, a nosa entrañable Peña Eternos do Barça fixo acto de presenza na XXXI Xuntanza de Peñas Barcelonistas Galegas, celebrada este ano en Boiro, e que conseguiu xuntar a un total de 17 peñas cheas de paixón culé.

O noso estandarte levouno o vicepresidente José Lloves, que representou a Peña con moito orgullo e algunha que outra ración de entusiasmo. E como non podía ser doutro xeito, o Fútbol Club Barcelona tamén dixo "presente", nada máis e nada menos que co seu vicepresidente Antonio Escudero, que chegou desde a cidade condal cargado de trofeos: a Liga e a Copa desta tempada. E claro… ¡formouse unha boa cola de peñistas para facerse a foto cos títulos! Algún incluso se atreveu a pedir un selfie cos trofeos, por se acaso tamén traían sorte para a lotaría.

Pero a cousa non rematou aí: os nosos cámaras non deron abasto cando apareceron dúas lendas do Dream Team de Cruyff: Eusebio e Serna, que nos acompañaron entre sorrisos, sinaturas e moita nostalxia azulgrana.

Como en todas as edicións, o momento estelar chegou co xa tradicional desfile de peñistas polo centro de Boiro, animado por grupos de música, bombos e moita alegría. Unha marea de camisetas do Barça que fixo tremer as rúas e que desembocou no Pazo de Goiáns, onde se entregaron os Premios Barça-Galicia, entre aplausos, emoción e algún que outro brinde espontáneo.

O colofón? Un xantar de confraternidade preparado con agarimo polos nosos amigos da Peña Barcelonista do Barbanza, que nos recibiron como reis e nos deixaron o bandullo ben cheo e o corazón máis blaugrana que nunca.

Un día para recordar, repetir… ¡e contar unha e outra vez na nosa Peña!



No hay comentarios:

Publicar un comentario